Wednesday 18 de September de 2024

O XI Encontro de Música e Baile Tradicional reunirá na Pobra a máis de 200 integrantes de catro agrupacións


A Pobra do Caramiñal, Ponte Caldelas, Viana do Castelo e Navalcán estreitarán lazos con motivo do XI Encontro de Música e Baile Tradicional.

Esta cita de confraternización arredor do folclore propio de distintas localidades de España e Portugal terá lugar no 13 de xullo, a partir das 21.00 horas, na praza Alcalde Segundo Durán. Contarase cunha barra de refrixerios e comida a prezos populares para contribuír a sufraga-los gastos da Asociación Cultural Grupo de Gaitas Xiada, entidade promotora. En caso de chuvia, desenvolverase no teatro cine Elma.

Reunirá a máis de 200 persoas integrantes da A. C. D. Xiada (A Pobra do Caramiñal), Banda de Gaitas Coribantes (Ponte Caldelas), Grupo de Danças e Cantares Serreleis (Viana do Castelo, Portugal) e A. C. Revolvedera (Navalcán, Toledo). A edición deste ano, dedicada aos pazos da Pobra, estará presentada polo director do Museo Valle-Inclán, Antonio González.

“Nos últimos anos enmarcábamos este festival nas festas, pero neste ano apostamos por recuperar o seu formato orixinal para animar este sábado do mes de xullo. Trátase dun encontro xa consolidado no calendario municipal, que non só ofrece un intercambio cultural para as agrupacións participantes, senón que tamén posibilita que a xente siga desfrutando do noso. Se hai algo que caracteriza A Pobra é o tecido asociativo que traballa arreo para avivar e poñer en valor a nosa tradición. Proba disto son a cantidade de propostas que se lanzan neste senso, as cales seguiremos apoiando dende o Concello”, explica a concelleira da Cultura, Patricia Lojo.

Xunto con integrantes da A. C. D. Xiada, a súa presidenta María González relata que agora toca vir á Pobra, se ben a entidade pobrense xa estivo no 25 de maio na LVI Festa da Troita, de Ponte Caldelas, e no 22 de xuño no XXXVII Festival de Folclore en Serreleis, en Viana do Castelo. Este intercambio chegará ao seu fin en Navalcán, en Toledo, na última fin de semana do mes de outubro.